Fogares e centros de traballo

COMO AFORRAR ENERXÍA?

Só con propoñelo e interiorizar certas pautas de conduta, entre todos podemos contribuír a reducir o consumo de enerxía sen renunciar en absoluto ao confort.

O uso correcto da calefacción, a auga quente, os electrodomésticos, a iluminación ou o aire acondicionado, tanto nas nosas casas coma no noso lugar de traballo, son claves para o aforro enerxético do país: ten en conta que os edificios supoñen o 30 % do consumo total de enerxía en España.

Confort:

con este termo referímonos ás condicións materiais que proporcionan benestar ou comodidade, xa sexa no fogar ou no centro de traballo.

CONSELLOS PRÁCTICOS
PARA AFORRAR ENERXÍA E DIÑEIRO

  1. Unha temperatura de 19ºC é abondo para manter o confort dunha vivenda.
  2. Apaga a calefacción mentres dormes e, pola mañá, agarda a ventilar a casa e pechar as fiestras antes de acendela.
  3. Coloca válvulas termostáticas en radiadores ou termóstatos programables; son solucións accesibles e sinxelas de usar, e aforrarás entre un 8 e un 13 % de enerxía.
  4. Se te ausentas por unhas horas, reduce o termóstato a 15 ºC (chamada posición “Economía” en moitos deles).
  5. Non agardes a que se estrague o teu equipo: o mantemento adecuado da caldeira individual fará que aforres enerxía.
  6. Purga os teus radiadores polo menos unha vez ao ano, ao iniciar a temporada de calefacción.
  7. Non cubras os radiadores nin poñas ningún obxecto obstaculizándoo, porque dificultarás a adecuada difusión do aire quente.
  8. Para ventilar unha habitación é suficiente con abrir as fiestras arredor de 10 minutos. Non se precisa máis tempo para renovar o aire.
  9. Pecha as persianas e cortinas pola noite. Evitarás importantes perdas de calor.

Unha variación de 1º C xera un aforro aproximado dun 7 % en climatización. Mediante o uso de aparatos como termóstatos ou programadores horarios podemos facer un uso e control máis efectivo da temperatura e da enerxía que consumimos.

CONSELLOS PRÁCTICOS
PARA O ILLAMENTO DA VIVENDA

  1. Se vas construír ou rehabilitar unha casa, non escatimes nos cerramentos exteriores (fiestras e balcóns). Aforrarás diñeiro en climatización e gañarás en confort.
  2. Instala fiestras con dobre cristal, ou dobre fiestra, e carpinterías con rotura de ponte térmica.
  3. Procura que as caixas das persianas non teñan físgoas e estean convenientemente illadas.
  4. Detecta as correntes de aire; suxeita unha candea acesa xunto a fiestras, portas ou onde creas que se producen infiltracións de aire.
  5. Se se filtra aire por portas e fiestras, tapa as físgoas con medios sinxelos e baratos como silicona, masilla ou un burlete.
  6. Se tes cheminea, pecha o tiro cando non a utilices.

Ademais, é moi importante ter a casa ben illada (o ideal son fiestras con dobre vidro e marcos con rotura de ponte térmica). Así, a demanda de enerxía será máis baixa e reduciranse as perdas de calor.

COMO AFORRAR AUGA QUENTE E ENERXÍA

  1. Os sistemas con acumulación de auga quente son máis eficaces que os sistemas de produción instantánea e sen acumulación.
  2. É moi importante que os depósitos acumuladores e as tubaxes de distribución de auga quente estean ben illados.
  3. Racionaliza o consumo de auga: Non deixes as billas abertas inutilmente (no afeitado, ou mentres cepillas os dentes).
  4. Ten en conta que unha ducha consume moito menos ca un baño (unhas catro veces menos auga e enerxía).
  5. Unha temperatura entre 30 ºC e 35 ºC é suficiente para sentirse cómodo no aseo persoal.
  6. Os goteos e fugas de billas ou cisternas poden supoñer unha perda de 100 litros de auga por mes. Evítaos!
  7. Emprega cabezais de ducha de baixo consumo. Gozarás dun aseo cómodo, gastando a metade de auga e, polo tanto, de enerxía.
  8. Coloca redutores de caudal (tamén chamados aireadores) nas billas.
  9. Se cambias a ducha, elixe unha con billas reguladoras de temperatura. Aforrarás entre un 4 e un 6 % de enerxía.
  10. Se cambias algunha billa, elixe unha monomando; é moito máis eficiente que ter dúas billas independentes para a auga fría e quente.

As instalacións solares térmicas son fiables, teñen unha longa vida útil (25 anos) e aforran moita enerxía, xa que reducen o consumo doutros combustibles (gasóleo, gas natural, electricidade) durante a maior parte do ano.

O Código Técnico da Edificación (CTE) obriga a instalar en todas as vivendas novas captadores solares térmicos para a xeración de auga quente sanitaria, co que se aproveita a enerxía ilimitada e gratuíta do sol.

Se a túa vivenda é máis antiga, tamén podes pensar en instalar paneis solares ou propoñerllo á túa comunidade de veciños e aproveitar as numerosas axudas existentes. 

CONSELLOS PRÁCTICOS
PARA AFORRAR EN ILUMINACIÓN

  1. Sempre que sexa posible, aproveita a iluminación natural. Ningunha outra luz branca é tan pouco daniña para a vista.
  2. Utiliza cores claras en paredes e teitos: aproveitarás mellor a luz natural e necesitarás menos alumeado eléctrico.
  3. Non deixes luces acesas en habitacións que non esteas utilizando.
  4. Reduce ao mínimo a iluminación ornamental en exteriores.
  5. Mantén limpas as lámpadas e as pantallas, aumentarás a súa luminosidade, sen aumentar a potencia.
  6. Substitúe as lámpadas vellas por novas tipo LED. Co mesmo nivel de iluminación, aforran ata un 80 % de enerxía e duran 8 veces máis. Cambia, con prioridade, as que máis tempo están acesas.
  7. Adapta a iluminación ás túas necesidades e dá preferencia á luz focalizada: ademais de aforrar, conseguirás ambientes máis confortables.
  8. Se podes, coloca reguladores de intensidade luminosa: aforrarás enerxía.
  9. En vestíbulos, garaxes ou zonas comúns, é interesante colocar detectores de presenza para que as luces se acendan e apaguen automaticamente.

É un falso mito pensar que deixar as luces acesas consume menos enerxía que acender e apagar o interruptor cada vez que se usan. En ningún caso e con ningún tipo de luz.

Un bo sistema de iluminación é aquel que proporciona suficiente luz no lugar correcto e en función do uso que se dea a cada espazo.

Para evitar o dispendio, a iluminación debe ser enerxeticamente eficiente. Substituír as lámpadas por outras de tecnoloxía máis eficiente pode supoñer uns aforros superiores ao 80 %, mantendo o confort lumínico.

CONSELLOS PRÁCTICOS
PARA AFORRAR COS TEUS ELECTRODOMÉSTICOS

  1. Usa a lavadora, o lavavajillas e a secadora á súa máxima capacidade: ponos só cando estean cheos e, preferiblemente, nos programas económicos.
  2. Lava a roupa a baixa temperatura: o 90 % da electricidade que consume a lavadora é para quentar a auga.
  3. Centrifugar consume moito menos que utilizar a secadora.
  4. Evita aclarar os pratos antes de poñelos no lavavajillas, ou faino con auga fría. Reducirás o consumo de enerxía e de auga.
  5. Ao cociñar, xestiona con eficiencia os recursos. Por orde de menor a maior gasto: microondas, pota a presión, cociña e en último lugar, o forno eléctrico.
  6. Non uses o forno para cociñar pequenas cantidades de alimentos, nin para requentar ou desconxelar. É un dos electrodomésticos que máis consume.
  7. Aproveita a calor residual: se apagas a placa 5 minutos antes de retirar o recipiente, rematará de cociñarse coa calor que segue desprendendo.
  8. As placas de indución consumen menos electricidade que as vitrocerámicas convencionais.
  9. Evita o consumo pantasma provocado polo modo stand-by en televisores, ordenadores, consolas, equipos de música, etc. Enchúfaos a unha regreta con interruptor e apágaos cando non os uses.
  10. Cando adquiras un electrodoméstico novo, elixe a mellor clase de eficiencia!

Ademais de información relativa ao consumo, a etiqueta enerxética inclúe outros datos relevantes do equipo a ter en conta. Por exemplo, a etiqueta enerxética dunha lavadora inclúe ademais do consumo anual (kWh), o consumo anual de auga, os quilogramos de roupa que pode lavar, a eficiencia do centrifugado e o seu nivel sonoro.

Ao igual que ocorre coa iluminación, no mercado existen electrodomésticos que a igualdade de prestacións poden presentar oscilacións no consumo enerxético superiores ao 80 %. Estas diferenzas de consumo, ao longo da súa vida útil, supoñen un custe tan alto como innecesario.

Para que os consumidores coñezan a eficiencia dos produtos, a Unión Europea creou en 2021 unha nova normativa específica e única sobre Etiquetado Enerxético. Nela desapareceron as clases A+, A++ e A+++, que xeraban certa confusión, e identifícanse unicamente cunha letra, desde o A para os máis eficientes ata o G para os que máis consumen.

Antes de adquirir un electrodoméstico, é fundamental comprobar detalladamente toda a información da súa etiqueta enerxética e comparala con outros aparatos similares, para saber cal é a compra máis eficiente.

CLIMATIZACIÓN

A climatización consiste en acondicionar o aire a uns niveis de temperatura, humidade e calidade adecuados para o benestar das persoas segundo a época do ano, isto é, calefacción en inverno e refrixeración no verán. Para este fin, unha oficina “tipo” pode investir máis do 50 % do consumo enerxético total do edificio.

CONSELLOS PRÁCTICOS
PARA AIRE ACONDICIONADO NAS OFICINAS

  1. Utiliza as fiestras de forma intelixente. Por exemplo: se lles dá o sol, aproveita a súa calor en inverno, e baixa os toldos ou persianas en verán.
  2. Emprega o arrefriamento gratuíto: abre as fiestras durante a noite e as primeiras horas da mañá. Asegurarás a calidade do aire, unha boa ventilación natural e, á súa vez, aforrarás diñeiro e enerxía.
  3. Evita temperaturas superiores ao necesario e o gasto superfluo de enerxía que xeran. Os edificios públicos e centros de traballo deben axustar a calefacción a 19º en inverno e o aire a 27º no verán.
  4. Apaga os aparatos eléctricos que non se estean utilizando (lámpadas, fotocopiadoras, impresoras, ordenadores, etc.). Ademais do seu consumo, estes aparatos xeran calor nas oficinas.
  5. Mantén pechadas as portas e fiestras ao exterior cando funcionen os sistemas de climatización, e implica e conciencia aos teus compañeiros.
  6. Se o teu edificio posúe radiadores ou fan-coils (reixas de aire), non os cubras nin tapes con obxectos que impidan a difusión do aire, e usa o termóstato. E apágaos se es o último en marchar.
  7. Se o teu edificio ten algún tipo de control de acendido/apagado da climatización (horario ou por zonas ocupadas/de paso), apágaa nos espazos onde no sexa necesaria.

Nos edificios de oficinas hai un gran potencial de aforro enerxético, que pode conseguirse sen reducir o confort e sen grandes investimentos económicos. Os xestos máis sinxelos -e con custe cero- son os que teñen que ver cos nosos hábitos. Pero para corrixilos, é necesaria a concienciación e colaboración activa de todos os traballadores.

Seguindo unhas boas prácticas no uso da climatización, podemos lograr grandes beneficios. Pola contra, a manipulación dos termóstatos con pouco ou ningún criterio por parte dos usuarios pode supoñer avarías e aínda máis gastos.

ILUMINACIÓN

Un bo sistema de iluminación é aquel que proporciona suficiente luz no lugar correcto e en función do uso que se dea ao espazo iluminado, de forma que os empregados poidan realizar o seu traballo eficientemente e sen fatiga.

CONSELLOS PRÁCTICOS
SOBRE A ILUMINACIÓN NA OFICINA

  1. Aproveitar ao máximo a luz natural: mover os obxectos que impidan o paso da luz (armarios, andeis, plantas), colocar as mesas de traballo preto das fiestras, manter as persianas abertas, etc.
  2. Utilizar só as luces realmente necesarias. Un hábito tan sinxelo como apagar unha luz que non use ninguén pode representar un aforro de enerxía de ata un 10 %.
  3. Xera hábitos entre os teus compañeiros lembrándolles que non se esquezan de apagar ao marcharen. Os servizos de limpeza, conserxes, persoal de seguridade, etc. desempeñan un papel importante nesta acción.
  4. Utiliza lámpadas de baixo consumo (fluorescentes ou LEDs). Co mesmo nivel lumínico, o seu consumo enerxético é moitísimo menor e a súa vida útil moi longa, o que repercute en menores custes de reposición e mantemento.
  5. Unha oficina con sistemas de control de iluminación permite importantes aforros de enerxía, mediante medidas coma estas:
    1. Usar sistemas de xestión integrados. Fan posible programar acendidos e apagados, variar fluxos lumínicos, integrar detectores de presenza e controlar as instalacións do edificio de forma remota e simple desde un Smartphone, Tableta ou ordenador.
    2. Colocar detectores de presenza nas zonas de traballo, paso e acceso.
    3. Dar preferencia á iluminación localizada e adaptala ás necesidades de cada posto de traballo.
    4. Empregar reguladores electrónicos de intensidade luminosa nas luces preto de fiestras, que só se acenden se non hai luz natural.
    5. Reducir a iluminación en corredores e zonas de paso.
  6. A intensidade de luz descende cando se ensucian as lámpadas. Promove a súa limpeza periódica: aforrarás enerxía e mellorarás a calidade da iluminación.
  7. Tamén é posible aforrar na iluminación de emerxencia: as luces tipo LED requiren unha batería de menos capacidade e consumen menos.

Unha lámpada incandescente de 100 W funcionando durante 1200 horas emite á atmosfera 43 kg de CO2, mentres que o seu equivalente de tipo LED emite 5 kg de CO2.

Durante toda a súa vida útil, unha lámpada de tipo LED evitará emisións á atmosfera de máis de media tonelada de CO2 comparada cunha incandescente.

A iluminación pode mellorar o aspecto dun espazo e proporcionar un ambiente de traballo agradable, pero supón ata o 30 % do consumo enerxético total da oficina. Para evitar o dispendio, debe ser enerxeticamente eficiente. Substituír lámpadas por outras de tipo LED, as máis recomendables actualmente, pode aforrar ata un 80 % mantendo o confort lumínico.

EQUIPAMENTO OFIMÁTICO

Os equipos eficientes, os sistemas de aforro de enerxía e unha adecuada selección e uso destes equipos, son esenciais para lograr o obxectivo de aforro enerxético.

CONSELLOS PRÁCTICOS
PARA EQUIPOS DE OFICINA

  1. Utiliza as funcións apagar, suspender e hibernar do ordenador segundo a túa actividade. E apágao sempre ao finalizar o teu horario ou en vacacións.
  2. É mellor adquirir equipos con etiquetado Energy Star. Os ordenadores e monitores con este logotipo consumen entre un 25-60 % menos, e as impresoras son un 25 % máis eficientes.
  3. Para diminuír o consumo do teu monitor, aconséllase:
  4. Apagar a pantalla do monitor en paradas de máis de 10 minutos.
  5. Axustar o brillo da pantalla a un nivel medio ou baixo, fixado por defecto en moitos portátiles cando funcionan con batería (aforra ata un 40 %).
  6. Elixir fondos de pantalla con cores escuras (precisan un 25 % menos de enerxía ca unha pantalla branca).
  7. Utilizar un salva pantallas negro, sen imaxes nin animación.
  8. Evita o consumo pantasma en modo de espera (stand-by). Se dispós de regretas de enchufes con interruptor incorporado, apágao ao finalizar a xornada laboral. Así cortarás o subministro enerxético a todos os aparatos conectados.
  9. Utiliza a impresora de forma eficiente:
  10. Imprime documentos polas 2 caras e en branco e negro, ou usa as funcións de aforro de tinta e o modo borrador.
  11. Procura agrupar o envío dos traballos á impresora e axita o cartucho de tóner cando se está esgotando, fará aínda moitas copias.
  12. Establece un apagado centralizado de todos os aparatos ofimáticos fóra da xornada laboral, como as impresoras. Se a túa impresora é local, apágaa sempre que non se utilice.
  13. Solicita ao responsable de TI que configure o modo aforro de enerxía.

Un ordenador portátil pode consumir un 50 % menos ca un de sobremesa.

Nalgúns edificios, o equipamento ofimático (ordenadores, impresoras, fotocopiadoras, faxes, etc.) pode consumir ata o 20 % da electricidade. A metade desta cifra corresponde aos ordenadores persoais.

ASCENSORES

Os ascensores orixinan un considerable gasto enerxético e de avarías ou mantemento. O seu uso racional, tanto por parte do persoal coma dos visitantes, pode supoñer aforros importantes.

CONSELLOS PRÁCTICOS
PARA ASCENSORES

  1. Intenta subir e baixar polas escaleiras, especialmente entre plantas contiguas. É máis económico, ecolóxico e saudable.
  2. Se o edificio ten varios ascensores, preme só un botón de chamada.

    CONSUMOS INDIRECTOS

    No traballo tamén hai outras moitas pequenas accións que poden contribuír ao aforro enerxético e económico desde a orixe: reducir o consumo de papel, plásticos e outros materiais de oficina; reutilizar mobiliario, cables, compoñentes e envases; reciclar nos contedores correspondentes o papel, vidro, tóner, pilas, envases e outros residuos; facer un uso responsable da auga; e en xeral, estender e repetir os bos hábitos que xa incorporamos á nosa vida diaria.

      DESCUBRE O TEU GRAO DE DERROCHÓLICO

      Fuentes de los datos: IDAE y otros organismos oficiales